domingo, 26 de abril de 2020

ANALIZAMOS ESTEREOTIPOS EN DOUS VÍDEOS INSTITUCIONAIS



1. Imos ver con moita atención estes dous vídeos de publicidade institucional 

  • Son institucionais porque non nos queren convencer de que compremos nada, senón que pretenden que asimilemos unhas conductas sociais.


2. Despois, coa axuda dunha información de apoio e unha táboa, analizaremos os estereotipos que apreciemos nos dous vídeos institucionais:

  • Un, ¡Los niños y niñas ya pueden salir a pasear!, é do Ministerio de Sanidade do Goberno de España e explica as pautas que se han respectar para que as nenas e os nenos saian durante o confinamento xeral.
 https://youtu.be/uhu3kejWLA0


  • O outro, Todo o día na casiña, pertenece á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e serve para convencernos de que temos que seguir quedando na casa, agás nos casos das excepcións que xa coñecemos.
https://youtu.be/R6YGRPH27Bw




Con estes dous exemplos de publicidade institucional comprobaremos que non se pretende tan só convencérmonos das ideas ás que fan referencia cada un dos anuncios, senón que tenden a reforzar uns estereotipos moi definidos pero que nunca son tan simples nin xeralizados na realidade na que vivimos. 
E de feito, non coinciden ao cen por cen tales estereotipos de sexo, roles de xénero, modelos de familia e parella, beleza e aspecto físico... segundo analicemos un anuncio ou o outro.


 3. Resultará moi interesante que leades a ficha informativa sobre os principais estereotipos presentes na publicidade, antes de encher a ficha de análise dos vídeos. 

 Enlace á ficha informativa para descargar


4. Esta ficha de análise, unha vez completada, deberedes enviarma por correo electrónico a este enderezo   ixenera1@gmail.com
Basta con que enviedes os exercicios da 3ª páxina. Podedes escribilos directamente no texto do correo, pero tamén valería mandar a foto dos exercicos feitos en papel. Hai unha aplicación moi fácil de usar e de balde para enviar documentos de ata dous gigas  https://wetransfer.com/




Ficha informativa sobre:
Principais estereotipos presentes na publicidade



Como xa sabemos, os estereotipos son ideas que transmiten unha visión simplificada da sociedade e contribúen a establecer modelos de conducta que as persoas tratarán de imitar.



Existen diferentes tipos de estereotipos que a miúdo desenvolve a publicidade, aínda que os principais son os de sexo e os roles de xénero.

·         Daquela, en virtude do rol atribuído ás mulleres, represéntanas sempre como esposa, nai, ama de casa ou mesmo como muller obxecto. A imaxe de muller que predomina na publicidade é a dun ser máis ou menos débil e dependente do home. Pero, ante todo, remárcase a idea de que a muller sempre debe ser máis ou menos bonita e lucir moi bo aspecto (coidando o peiteado, a maquillaxe, a roupa, o calzado, os complementos...)

·         Polo contrario, o estereotipo establecido para o home responde a imaxe que reflexe forza, agresividade, dominio, valentía, sen descoidar tampouco o seu aspecto físico vigoroso.  



Así que tanto no caso feminino como no masculino, un dos valores máis explotados pola publicidade é o estereotipo do ideal de beleza porque uns modelos de muller e de varón máis ou menos atractivos logran concentrar mellor a atención do público. 

Por iso, outro dos estereotipos utilizados pola publicidade está relacionado co concepto de físico ideal que se traduce en figuras máis delgadas, nunca “pasadas de quilos”, moi áxiles e atractivas que se traducen en 

·         Home “viril” con vello e pelo curto abundante, robusto pero non con barriga, de espalda ancha, con extremidades ben torneadas e máis alto que a muller.

·         Muller “feminina”, de aspecto delicado, de pelo longo, ben peiteada e maquillada, máis ou menos esvelta, de cintura estreita, depilada, con extremidades ben torneadas e máis baixa que o home.



No que atinxe á publicidade especialmente destinada ao público infantil o estereotipo que más se traballa é o dos roles de xénero, co obxecto de reforzar as marcas supostamente diferenciadoras entre nenas e nenos. 

·         Elas adoitan seren representadas como obedientes, delicadas e ordenadas, persoas que axudan á nai nas tarefas domésticas, asumindo responsabilidades desde unha idade moi curta. Nesa mesma liña, todos os xoguetes enfocados para as nenas teñen relación co mundo da cosmética, dos coidados e do fogar.

·         Pola súa banda, os nenos adoitan mostrarse como inquietos e rebeldes, pero tamén con iniciativa, por iso son vistos como emprendedores e mañosos. De tal xeito, os xoguetes para nenos, polo común, están inspirados no mundo da construción, o automóbil e os medios de transporte ou mesmo na guerra.



Asociados aos estereotipos de sexo e dos roles de xénero hai que considerar os estereotipos de modelo de parella e familia

·         En xeral, a publicidade alimenta a convicción de que todas as parellas están constituídas por un home e una muller, obviando que ademais das parellas heterosexuais existen as formadas por membros do mesmo sexo (homosexuais e lesbianas) e tampouco se ten moi en conta que moitas persoas non forman parella con ninguén.

·        No caso do modelo familiar, insístese aínda en considerar como  ideal a familia integrada por unha nai e un pai, deixando sen representar a moitísimas familias reais diferentes:
  •  monoparentais, nas que so hai unha nai ou un pai con fillas e fillos ao seu único cargo;
  • aquelas nas que conviven dous pais con fillas e fillos,
  • aquelas formadas por dúas nais con fillas e fillos
  • e as que non teñen nin fillas nin fillas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

MULLERES PIONEIRAS. CONCEPCIÓN ARENAL

Unid. Did. Concepción Arenal by Manuela Iglesias on Scribd Hai mulleres que pasan a Historia porque nas súas vidas lles tocou loita...